Nova Narrativa Galega — Redacción

     A Nova Narrativa Galega é a renovación literaria que comezou nos anos 50 do século XX en Galicia, sendo impulsada por un grupo heteroxéneo de escritores que tiñan en común a oposición ó franquismo, a ideoloxía nacionalista e esquerdista e a participación en proxectos culturais como as “Festas Minervais”. Recibe seu nome dun calco do movemento francés contemporáneo “Nouveau Roman”.
     Influíron na súa formación os seguintes autores: Kafka, co seu mundo illado, personaxes atormentados e situacións absurdas; Joyce, co monólogo interior; Proust, coa descrición minuciosa de estados de ánimo; Faulkner, coa destrución da lóxica temporal; Freud, coa súa teoría do psicoanálise e os mundos interiores.
     Hai dous tipos de características, as argumentais e as formais. As primeiras son o abandono do antropocentrismo, a ambientación urbana, a inexactitude do espazo, o abandono da preocupación dos problemas sociais (que poden aparecer mediante símbolos), a mestura entre o mundo real e o fantástico, as situacións absurdas e os elementos tales como a violencia e o erotismo ligados á morte. Por outra banda, As segundas son o monólogo interior, a pluralidade de voces narrativas, a distorsión temporal e a técnica obxectalista.
     Xosé Luís Méndez Ferrín é o autor máis destacado do movemento, cuxa obra, extensa e relacionada entre si (predomina a novela e o relato curto), caracterízase por desenvolverse nun mundo fantástico onde a violencia e diversos elementos políticos aparecen mediante alegorías.
     Participou na Nova Narrativa Galega dende 1961 ata 1971, e nela primará o absurdo e sen sentido e a argumentación experimental – destacan dúas obras: “O crepúsculo e as formigas” é un conxunto de relatos onde unha realidade con violencia, miseria e opresión é confundida co imaxinario;“Arrabaldo do norte” ten unha técnica obxectalista e trata a historia dun home que é incapaz de comunicarse e que busca un cambio na súa vida. Unha segunda etapa vai dende 1971 ata 1980, e nela hai unha maior cantidade de temática, así como de preocupación política. Finalmente, dende 1980, prima a fantasía (e a recreación mítica e a preocupación estética); as fábulas esconden denuncias.


     Outras persoas a destacar son: Xohana Torres, con “Adiós, María”; Carlos Casares, que participou na NNG pero cuxas obras daquel momento non son tan relevantes como outras posteriores (“Vento ferido”, “Cambio en tres”); Rodríguez Mourullo, con “Memorias de Tains”, obra de oito relatos epistolares onde se relata a historia de Tains, unha cidade destruída; Mª Xosé Queizán, con “A orella no burato”, unha obra de carácter obxectalista na que se mostra preocupación polo protagonista, un emigrante galego.
     En xeral, habitúa dicirse que este movemento remata coa chegada da década dos 70.

Comentarios